A provincia da Coruña celebra o Día Mundial da Cruz Vermella iluminando edificios e monumentos de vermello

ACoruñaXa
Os principais edificios e monumentos dos concellos nos que a Organización humanitaria conta con asembleas locais e comarcais cambiarán a cor dos seus focos durante esta noite con motivo da efeméride
Imaxe dun acto de Cruz Vermella polo seu Día Mundial
8 May 2024

O Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella celébrase hoxe, 8 de maio, nos 191 países nos que ten presenza a Organización humanitaria, que este ano cumpre 160 anos en España e tamén na Coruña.

Con motivo da efeméride, varios edificios e monumentos singulares dos concellos nos que Cruz Vermella conta con asembleas locais e comarcais na provincia coruñesa modificarán a cor da súa iluminación durante esta noite.

Neste sentido, esta noite lucirán de vermello a Torre de Hércules da Coruña; as torres Hejduk da Cidade da Cultura de Santiago; o teatro Jofre, a fonte do Cantón e o palacio municipal de Ferrol; o paraugas do Amorne, en Cambre; e os edificios sede dos concellos de Cedeira, Vimianzo, Zas, Camariñas, Ribeira, Noia, Carballo, Laxe, Malpica, Boiro e Ordes.

Más de 42.000 persoas atendidas na provincia

Durante o 2023, e grazas ao compromiso e a dedicación de 1.252 persoas voluntarias e 282 traballadoras, así como á confianza de 28.302 persoas e entidades socias, Cruz Vermella atendeu na provincia coruñesa a un total de 42.379 persoas.

Educación, inclusión social, medio ambiente, socorros, emprego e saúde son as áreas nas que traballa a Organización humanitaria na Coruña para estar sempre preto, a través de diferentes programas, proxectos e actividades, de persoas maiores, familias, infancia, mulleres vítimas de violencia de xénero ou en dificultade social, persoas en situación de desemprego, persoas sen fogar e sociedade xeral. Sempre coa misión de previr e aliviar o sufrimento humano, protexer a vida e a saúde e facer respectar ás persoas; desde un enfoque de dereitos e preservando a dignidade de todas as persoas.
Condecoracións 2024

Precisamente con motivo do Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella, o próximo 14 de maio terá lugar a entrega de Condecoracións 2024 durante un acto marcado polos 160 anos de historia de Cruz Vermella Española. Durante o evento, que se celebrará en Oviedo, entregaranse as Medallas de Ouro ao Centro (asistencial e de humanización da saúde) San Camilo, á Federación Española de Enfermidades Raras, ao cineasta Fernando León de Aranoa, ao científico Fernando Valladares, á Fundación Neuroderechos e á Axencia Servimedia. Ditas condecoracións distinguen a persoas ou organizacións que conseguiron coa súa traxectoria ter un gran impacto social.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.060099840164185