A protectora Gatocan recibe o apoio da Deputación para ampliar o seu refuxio de animais domésticos en Coirós
Gatocan, a Asociación Protectora de Animais, recibiu un importante respaldo da Deputación da Coruña coasasinatura dun convenio entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta da entidade, María Beatriz Martín Catoira. Este acordo financiará as obras de ampliación do refuxio de animais domésticos situado no lugar de Figueiras, no municipio de Coirós, cunha colaboración que ascende a 65.000 euros dentro dun investimento total de 250.945 euros.
A ampliación do refuxio incluirá a construción de dez novos canís, cada un deles cun patio descuberto, dispostos ao longo dun pasillo de 21 metros de longo, que sumará unha superficie construída de 229 metros cadrados. Ademais, o proxecto contempla a edificación de 60 metros cadrados con cuberta, na que se habilitarán catro paritorios arredor dun vestíbulo de acceso.
Estas novas instalacións permitirán aumentar a capacidade do refuxio e mellorar a atención que se presta aos animais domésticos abandonados, un obxectivo fundamental para Gatocan, que foi creada oficialmente en 2006 e abriu as portas do seu refuxio en 2008. Desde 2010, a asociación está declarada como Asociación de Utilidade Pública pola Xunta de Galicia.
A Deputación da Coruña destina cada ano 150.000 euros a apoiar o traballo das protectoras de animais da provincia a través de subvencións específicas, que estas entidades poden utilizar para adquirir material, medicamentos, chips, cubrir gastos de alimentación, servizos veterinarios, elementos de hixiene e realizar melloras nas súas instalacións, entre outras actividades. Este apoio reforza o compromiso da Deputación co benestar animal e a protección dos animais abandonados na provincia.