A profesora Adina Dumitru, da UDC, seleccionada para o Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente
A profesora Adina Dumitru, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), vén de ser nomeada membro do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente, un órgano composto por destacados científicos independentes dos países membros da Unión Europea. A docente foi seleccionada mediante un rigoroso proceso competitivo que contou con 170 candidaturas procedentes de toda Europa.
O seu mandato, cunha duración inicial de catro anos renovables, comezará o 1 de xaneiro de 2025, e a súa primeira participación oficial terá lugar na reunión inaugural do Comité os días 25 e 26 de febreiro en Copenhague, Dinamarca, sede da Axencia.
Adina Dumitru, recoñecida investigadora do Grupo de Psicoloxía do Desenvolvemento e Aprendizaxe Escolar (GIPDAE), así como membro do Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas e da Cátedra de Algoritmos Verdes da UDC, será unha das voces que asesorará á Xunta Directiva e ao director executivo da Axencia. A súa contribución centrarase na temática das "Transicións Xustas", proporcionando unha análise experta sobre os programas de traballo e outras cuestións clave relacionadas coa sustentabilidade.
O Comité Científico desempeña un papel esencial no asesoramento en áreas como o uso de recursos, economía circular, saúde e medio ambiente, biodiversidade e cambio climático, entre outras, co obxectivo de apoiar os esforzos da Unión Europea para a transición cara a un modelo máis sostible e resiliente.
Sobre a Axencia Europea de Medio Ambiente:
Fundada en 1994 e con sede en Copenhague, a Axencia Europea de Medio Ambiente proporciona coñecementos e información científica para avanzar nos obxectivos climáticos e ambientais de Europa. A súa misión inclúe apoiar o desenvolvemento de políticas ambientais, ofrecer asesoramento científico e facilitar a colaboración entre estados membros e organismos internacionais a través dunha infraestrutura sólida de intercambio de información.