A previsión de choiva deixa sen concertos de rúa o Touliña Pop Festival en Sada

O Touliña Pop Festival Sada 2026 modifica parte da súa programación pola previsión de mal tempo para o sábado 9 de maio. O Concello de Sada anunciou a cancelación dos concertos de rúa previstos na zona portuaria e na contorna da praia, ao non poder garantirse unhas condicións meteorolóxicas axeitadas para as actuacións ao aire libre.
A suspensión afecta á sesión vermú prevista ás 13.30 horas no Porto de Sada con Bee Dee Kay Drives The UFOzzz e aos concertos anunciados na praia de Sada con The Fuzillis e Brad Marino, programados inicialmente para as 18.00 e as 19.00 horas.
O Concello explica que este tipo de espectáculos precisan tempo seco durante as probas de son, o propio concerto e a recollida posterior dos equipos. As previsións para a xornada do sábado non aseguran esas condicións, polo que a organización decidiu cancelar esa parte da programación para evitar riscos técnicos e de seguridade.
A choiva, con todo, non afectará aos concertos previstos pola noite na praza Irmáns Suárez Picallo, que manteñen a súa programación. Nese caso, tanto os artistas como os medios técnicos estarán protexidos polo escenario cuberto contratado para o festival.
Deste xeito, o Touliña Pop conserva a súa cita principal de tarde-noite con The Jackets, The Lords of Altamont e Nashville Pussy, ademais da música entre bandas a cargo de Suzie Staysick & Phil Speto. Tamén se mantén o guateque de peche previsto a partir das 2.00 horas.