A praza García Naveira estrea melloras de iluminación e seguridade vial

O Concello de Betanzos vén de rematar os traballos de mellora da seguridade viaria e da iluminación na contorna da praza García Naveira, unha actuación coa que busca incrementar a protección das persoas viandantes e realzar un dos espazos máis emblemáticos da cidade.
A intervención incluíu a instalación de novos sistemas de iluminación intelixente en varios pasos de peóns da praza García Naveira e da avenida de Castela. Estes dispositivos incorporan tecnoloxía LED de alta eficiencia, sensores de presenza e sinais luminosos de advertencia que permiten detectar a presenza de peóns e mellorar a súa visibilidade, especialmente durante a noite ou en condicións meteorolóxicas adversas.
Os traballos tamén contemplaron a creación dun novo paso de peóns na avenida de Castela e a reubicación do existente no cruzamento dos Anxeles, que foi desprazado cara á fonte da Diana Cazadora para ofrecer unha maior visibilidade tanto ás persoas viandantes como aos condutores. Ademais, o paso situado nas inmediacións do estanco foi convertido nun paso de peóns elevado para reforzar a seguridade.
Na mesma contorna, o Concello levou a cabo a renovación da iluminación dos Soportais mediante a instalación de novas luminarias LED, unha actuación que mellora a luminosidade do espazo, realza a arquitectura tradicional e os arcos de pedra da praza e incrementa a sensación de seguridade durante as horas nocturnas.
A intervención complétase coa renovación e acondicionamento dos bancos de madeira situados na zona das terrazas de hostalaría dos Soportais, co obxectivo de facer este espazo máis cómodo e agradable para a veciñanza.
A alcaldesa, María Barral, destacou que estas actuacións forman parte da estratexia municipal para modernizar os espazos públicos, mellorar a calidade de vida da cidadanía e poñer en valor o patrimonio urbano de Betanzos. Segundo explicou, os traballos completan outras actuacións realizadas recentemente na zona, como a posta en valor da fonte da Diana Cazadora.