A praza de Europa de O Burgo cambiará por completo coa renovación do pavimento e das pistas deportivas

A praza de Europa de O Burgo prepara unha transformación integral que afectará tanto ás zonas peonís como ás pistas deportivas. O Concello de Culleredo sacou a licitación por 465.903,66 euros un proxecto que permitirá renovar o pavimento de todo o recinto e actualizar o espazo destinado á práctica deportiva.
A actuación desenvolverase nun dos puntos con maior afluencia de O Burgo, utilizado habitualmente como lugar de encontro e ocio pola veciñanza.
Novas pistas deportivas
Un dos principais cambios chegará ás pistas deportivas, que contarán cun novo pavimento específico para a práctica deportiva amateur. O firme estará composto por resinas acrílicas, un material pensado para facilitar tanto a conservación como as reparacións e que tamén busca reducir os posibles danos derivados das caídas.
O proxecto contempla igualmente a renovación do peche da zona deportiva, así como o repintado das liñas correspondentes ás diferentes modalidades deportivas mediante pintura acrílica mate.
As pistas incorporarán ademais novas porterías e canastras, mellorando o equipamento dispoñible para as persoas usuarias.
A intervención tamén suporá un cambio de imaxe. O pavimento será de cor azul, seguindo a estética que o Concello está implantando nas instalacións deportivas municipais, e incluirá o escudo do Concello e un cartel identificativo.
Un novo pavimento para toda a praza
A reforma non se limitará á zona deportiva. O Concello renovará tamén o pavimento do conxunto da praza de Europa mediante un revestimento de resinas cun acabado adaptado á estética do contorno.
Os traballos abranguerán os diferentes camiños e espazos peonís, incluídos os accesos, a contorna do parque infantil e as superficies de maior tamaño.
A elección dun pavimento continuo permitirá, segundo o proxecto, mellorar a mobilidade e facilitar o tránsito das persoas por todo o recinto.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, sinala que a actuación permitirá mellorar as prestacións dun dos espazos públicos máis utilizados de O Burgo e favorecer tanto a práctica deportiva como o seu uso como lugar de encontro para persoas de diferentes idades.