A praza da Cormelana será renovada con novas lousas de pedra para mellorar a seguridade peonil
O Concello porá en marcha este luns 20 os traballos de renovación na praza da Cormelana, no barrio da Pescaría-Orzán, para substituír as tarimas de madeira por lousas de pedra. Esta medida, que busca mellorar a seguridade e a durabilidade do espazo, foi previamente validada pola Comisión PEPRI.
A intervención comezará coa retirada progresiva das madeiras máis afectadas pola humidade, a erosión meteorolóxica e o uso intensivo asociado ás terrazas dos locais hostaleiros da zona. As novas lousas, escollidas pola súa resistencia e conservación, pretenden reducir o risco de esvaróns e ofrecer un espazo máis seguro para as e os viandantes.
Trátase dunha actuación semellante á realizada en 2024 na praza da Fonte de Santa Catalina, onde a substitución dos listóns de madeira por granito gris respondeu ás demandas veciñais, logrando unha notable mellora na seguridade e no tránsito peonil.
O Goberno municipal notificou previamente esta actuación á asociación de comerciantes e aos representantes da hostalería do barrio, co propósito de acordar un calendario de traballos que minimice o impacto nas actividades comerciais e hostaleiras durante as obras.