A Praia das Delicias abre en Sada o verán do vólei praia provincial

A Praia das Delicias converterase esta fin de semana no punto de arranque do Circuito Provincial da Coruña de Vólei Praia en categorías inferiores. Sada será a sede da primeira proba da competición, que se celebrará os días 4 e 5 de xullo coa participación de deportistas das categorías de base.
A cita ofrecerá aos máis novos a oportunidade de competir nunha contorna privilexiada e de gozar dunha disciplina deportiva especialmente vinculada ao verán e aos espazos costeiros.
A competición desenvolverase durante toda a fin de semana. O sábado 4 de xullo será a quenda das categorías Sub 19 e infantil, con partidos en horario de mañá e tarde. O domingo 5 disputaranse os encontros das categorías alevín e cadete, tamén ao longo de toda a xornada.
Ademais da proba provincial, Sada acollerá do 6 ao 9 de xullo un campus de iniciación ao vólei praia organizado pola Federación Galega de Voleibol, en colaboración co Concello de Sada e o Coruña Beach Club.
Con esta programación, o municipio reforza a súa aposta polo deporte de base e pola promoción de actividades ao aire libre durante a tempada estival.