A plataforma Research.com sitúa a 12 investigadores da UDC entre os mellores do mundo
A plataforma académica Research.com, que acaba de publicar a clasificación de persoal investigador de maior nivel e proxección a nivel nacional e internacional. Neste ámbito, recoñeceu a 12 investigadores e investigadoras da UDC na súa lista: Christian Kennes, Carlos Platas e Miguel Maestro, todos eles do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC, e Purificación López, investigadora egresada deste centro, na área de química; Amparo Alonso, Tiago M. Fernández; Paula Fraga e Verónica Bolón, todos vencellados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); no campo de ciencias da computación; Manuel López Vicente, en ciencias da terra, vencellado ao CICA; Francisco J. Blanco en medicina, ligado ao CICA e ao INIBIC; Federico Pomar en ciencia das plantas e agronomía, tamén vencellado ao CICA; e Antonio Valle en psicoloxía.
O portal de Research.com recolle información sobre os mellores centros de estudos, oportunidades académicas es as traxectorias profesionais que ofrece cada unha. Ademais, detalla unha serie de clasificacións onde se avalían a calidade das universidades e o persoal científico mellor valorado, dependendo da súa área.
Excelencia universitaria na UDC
Christian Kennes é catedrático de Enxeñaría Química na Universidade da Coruña e pertence ao grupo Bioengin (Bioingeniería Ambiental e Control de Calidade), da área de Nanociencia e Materiais avanzados do CICA. Desde hai anos investiga sobre procesos de biorrefinería e como revalorizar gases como o metano e o dióxido de carbono, coñecidos polo seu efecto invernadoiro. A súa investigación tamén se centra nos procesos de fermentación e optimización de biorreactores (recipientes capaces de manter unha contorna controlada e activa desde un punto de vista biolóxico) e o seu emprego para obter distintos produtos con interese para o mercado, como o hidróxeno.
Á mesma área pertence Carlos Platas, catedrático de Química Inorgánica na Universidade da Coruña e coordinador do grupo Immo-tep (Imaxe molecular e terapia). Xunto aos seus compañeiros, Platas deseña sistemas moleculares cunha potencial aplicación en prácticas de diagnóstico clínico e terapia. Entre as súas liñas de investigación atópanse o deseño, a síntese e a caracterización de axentes de contraste e sondas, xeralmente empregadas en técnicas de diagnóstico como a Resonancia Magnética (IRM) e a Tomografía Axial Computarizada, máis coñecida como TAC.
Miguel Mestre é catedrático de Química Orgánica na mesma Universidade, e forma parte do grupo de investigación Nanotoxgen, da mesma área de nanociencia dentro do CICA. En concreto, as investigacións do grupo céntranse no ámbito da toxicoloxía. Por iso, caracterizan que efectos biolóxicos, xenéticos e sobre a saúde derívanse da exposición a diferentes compostos, xeralmente a nanomateriales, co fin de previr efectos secundarios ou patoloxías relacionadas coa devandita exposición. Unha das súas liñas baséase no emprego de biomarcadores capaces de avaliar os efectos ante contaminantes coñecidos e emerxentes.
Purificación López é catedrática de universidade na Área de Química Analítica da UDC e forma parte do Grupo de Investigación en Química Analítica Aplicada (QANAP). Na actualidade as súas investigacións céntranse principalmente na caracterización dos aerosois atmosféricos, a avaliación da calidade do aire e os seus efectos na saúde, cunha ampla rede de colaboracións a nivel nacional e internacional con industrias, institucións públicas e centros tecnolóxicos.
Amparo Alonso é catedrática de universidade na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC. As súas liñas de investigación actuais son o desenvolvemento de modelos de Aprendizaxe Máquina Escalables, a Intelixencia Artificial Responsable e Sostible, e o modelado baseado en axentes intelixentes para a sustentabilidade de procesos, entre outros.
Tiago M. Fernández é investigador permanente do CITIC e profesor titular de Universidade na área de Tecnoloxía Electrónica na UDC, onde obtivo o título de Enxeñeiro en Informática e Doutor Enxeñeiro en Informática. Desde 2005 traballa no Departamento de Enxeñería de Computadores da UDC. En termos de investigación, as súas liñas actuais inclúen as diferentes tecnoloxías relacionadas cos sistemas IoT/IIoT, os UAVs, o Edge Computing, a Realidade Estendida, así como outras tecnoloxías relacionadas cos paradigmas da Industria 4.0 e 5.0.
Paula Fraga é investigadora do CITIC e profesora na Universidade da Coruña. Desde 2009, traballa co Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC), pertencente ao Departamento de Enxeñería Informática da UDC. Participou en máis de 40 proxectos de investigación financiados polo goberno rexional e nacional, así como en contratos de I+D con empresas privadas como ADIF, Siemens, Indra Sistemas ou Navantia, analizando escenarios de misión crítica (seguridade pública, defensa e infraestruturas críticas). A súa investigación céntrase en tecnoloxías da Industria 4.0, especificamente sistemas ciberfísicos, IoT, realidade estendida, blockchain e ciberseguridade.
Verónica Bolón é profesora titular de Universidade no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no CITIC. Actualmente traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en algoritmos verdes. Cabe destacar a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en numerosas actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.
Manuel López é investigador distinguido contratado no programa atracción da Xunta de Galicia. Na actualidade estuda a resposta hidrolóxica de chans agrícolas e forestais, con especial interese nos procesos de almacenamento de auga no chan, e de erosión hídrica e transporte do sedimento mediante monitorización en campo. Dentro do grupo Aquaterra do CICA, dirixe 4 proxectos de investigación e, xunto co seu equipo e colaboradores internacionais, buscan mellorar a capacidade preditiva dos modelos para coñecer o destino das partículas desagregadas, facilitar a agricultura de conservación en Galicia e coñecer a dinámica de procesos (chan-clima-manexo de chan e planta) en colaboración con entidades locais.
Francisco Javier Blanco é catedrático de Reumatoloxía na Universidade da Coruña, xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no Hospital Universitario da Coruña, e coordinador do Grupo de Investigación en Reumatoloxía do CICA-UDC e do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC). Especializouse en Reumatoloxía no Hospital 12 de Outubro de Madrid, foi investigador asociado na Universidade de California-San Diego (La Jolla) e obtivo o seu doutoramento na Universidade da Coruña, con Premio Extraordinario.
Federico Pomar é doutor en Bioloxía e desenvolveu a súa investigación no ámbito da Fisioloxía Vexetal, centrándose principalmente no estudo da lignificación e o papel das peroxidasas na súa síntese. Foi investigador na Misión Biolóxica de Galicia-CSIC e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-Xunta de Galicia, antes de incorporarse definitivamente á UDC no ano 2007. Amais do seu perfil investigador dedicou parte da súa carreira á xestión universitaria, ocupando o cargo de vicedecano de Infraestruturas da Facultade de Ciencias e o de adxunto de Investigación da UDC.
Antonio Valle é catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade da Coruña (UDC). Na actualidade coordina o Grupo de Investigación en Psicoloxía Educativa (GIPED) da Universidade da Coruña, e foi investigador principal de tres proxectos financiados dentro do Plan Nacional (2013, 2017 e 2021). As súas principais liñas de investigación céntranse no estudo das variables motivacionais, as estratexias de estudo, os deberes escolares e a aprendizaxe autorregulada.