A planta de biogás de Teixeiro esperta dúbidas entre a veciñanza

ACoruñaXa
A Asociación de Veciños de Teixeiro reclama máis información sobre os proxectos previstos no polígono
TEIXEIRO stop planta biogás
6 May 2026

A Asociación de Veciños de Teixeiro reclama máis información sobre os proxectos de biogás e biometano previstos no polígono industrial da localidade. O colectivo considera necesario que a veciñanza coñeza con detalle que instalacións se queren poñer en marcha, en que fase administrativa se atopan e que efectos poderían ter sobre a contorna.

Nos últimos días, a Asociación de Veciños de Teixeiro colocou carteis en distintos puntos da localidade para informar sobre a existencia destes proxectos e animar á veciñanza a interesarse pola súa tramitación. O colectivo defende que esta iniciativa busca favorecer o acceso á información e abrir un debate público sobre o futuro do polígono e da súa contorna.

Ademáis, entidade pide unha reunión aberta na que se expliquen os proxectos e se resolvan as dúbidas existentes. Entre as cuestións que preocupan á veciñanza figuran o volume de residuos que poderían tratar as plantas, o movemento de camións, os posibles cheiros e as medidas de control ambiental previstas.

A posición pública do Concello de Curtis enmárcase na aposta polo desenvolvemento industrial do polígono de Teixeiro. A administración local recolleu no seu día a declaración como iniciativa empresarial prioritaria dunha planta de produción de biometano e fertilizantes promovida por Bioetanol Galicia, cun investimento previsto de 12 millóns de euros.

Nesa información, o Concello sinalaba que o proxecto se localizaría no polígono industrial de Teixeiro, onde Bioetanol Galicia xa conta cunha planta de produción de bioetanol. Tamén indicaba que a iniciativa tiña como obxectivo tratar arredor de 100.000 toneladas anuais de residuos e subprodutos derivados do bioetanol mediante dixestión anaerobia.

A Xunta outorgou en novembro de 2025 a autorización ambiental integrada á planta de Bioetanol Galicia. Segundo a administración autonómica, o proxecto poderá continuar a súa tramitación, aínda que a resolución non exime á empresa de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente necesarios antes da súa execución e posta en marcha.

A autorización ambiental recolle unha capacidade de tratamento de 150.053 toneladas ao ano de residuos procedentes de actividades gandeiras e industrias agroalimentarias. O proceso xeraría biogás, que despois sería depurado para obter biometano e poder incorporalo á rede de gas.

Ademais deste proxecto, tamén figura outro promovido por Norbiogás Biometano I, SL no polígono Curtis-Teixeiro. O Diario Oficial de Galicia someteu a información pública unha planta cun investimento previsto de 15.060.000 euros, unha superficie de 25.690 metros cadrados e capacidade para tratar 116.134 toneladas anuais de residuos orgánicos non perigosos.

A asociación veciñal entende que, ante a existencia de proxectos destas características, é importante abrir unha canle directa de información coa poboación. O colectivo insiste en que a súa demanda principal é coñecer os datos dos expedientes, poder formular preguntas e recibir explicacións comprensibles sobre unha actividade que podería marcar o futuro industrial de Teixeiro.

0.11643099784851