A pista de xeo de Perillo abrirá o próximo sábado e estará en funcionamento ata o 10 de xaneiro

A pista de xeo natural instalada na Polideportiva da avenida da II República, en Perillo, abrirá o próximo sábado, 28 de novembro, e permanecerá en funcionamento ata o 10 de xaneiro de 2027. A instalación forma parte da programación de ocio de Nadal que o Concello de Oleiros organizará este ano en Perillo e Santa Cruz.
Durante o período lectivo, a pista estará aberta de luns a xoves de 16:45 a 21:30 horas, os venres de 16:00 a 23:00 horas e as fins de semana e festivos de 11:00 a 22:45 horas. Coincidindo coas vacacións de Nadal, o horario ampliarase e abrirá todos os días de 11:00 a 23:00 horas.
Haberá horarios especiais durante as festas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá de 11:00 a 18:15 horas, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro estará dispoñible de 18:30 a 22:45 horas. O Día de Reis, 6 de xaneiro, funcionará de 11:00 a 14:00 horas e de 16:45 a 23:00 horas.
O acceso á pista terá un custo de seis euros por media hora, incluído o aluguer dos patíns. Será obrigatorio levar luvas. Ademais, o Concello manterá a colaboración cos colexios públicos de primaria para organizar visitas escolares á instalación antes das vacacións. A actividade estará financiada integramente polo Concello e, no caso de que algún centro decline a invitación, entregaráselles unha entrada aos nenos e nenas afectados.
A programación de Nadal completarase a partir do 5 de decembro na praza Esther Pita, en Santa Cruz, coa instalación de diversas atraccións infantís. Tamén se organizarán obradoiros de artes plásticas relacionados co Nadal, animación infantil e actuacións musicais ao longo do mes de decembro.