A piscina municipal de Vilarmaior abrirá o 1 de xullo con cursos de natación para todas as idades

A piscina municipal de Vilarmaior abrirá ao público o vindeiro 1 de xullo, dando inicio á tempada de verán no municipio. A instalación permanecerá en funcionamento durante os meses de xullo e agosto, de luns a domingo, en horario continuado de 12.00 a 20.00 horas.
O servizo permitirá á veciñanza contar cun espazo de lecer e refresco durante os meses de máis calor, especialmente pensado para familias, cativada, mocidade e persoas adultas que queiran gozar da piscina sen saír do municipio.
As persoas usuarias poderán acceder mediante entradas individuais por día ou a través de abonos para toda a tempada. Estes abonos poderán tramitarse na Casa do Concello, onde tamén se facilitará a información sobre as taxas correspondentes.
A apertura da piscina chegará acompañada do inicio dos cursos de natación, dirixidos a persoas de todas as idades. As clases comezarán tamén o 1 de xullo e desenvolveranse durante o mes nas propias instalacións municipais.
Os cursos impartiranse os luns e mércores e estarán organizados en dous niveis. O curso de iniciación terá lugar de 12.00 a 12.45 horas e estará pensado para aquelas persoas que queiran aprender a nadar ou mellorar a súa confianza na auga. Pola súa banda, o curso de perfeccionamento celebrarase de 13.00 a 13.45 horas e estará orientado a quen xa conta cunha base previa e quere mellorar a técnica.
A cota de inscrición será de 10 euros para persoas abonadas á piscina e de 20 euros para persoas non abonadas. As inscricións poderán formalizarse na Casa do Concello ou a través da sede electrónica municipal.