A piscina municipal de verán de Carral abriu dende este venres as súas portas

ACoruñaXa
A instalación abriu o venres pasado tras os labores de mantemento e mellora realizados polo Concello
Imaxe da piscina municipal de Carral de verán
17 Xuño 2024

Carral iniciou o pasado venres a nova tempada de verán coa apertura das piscinas municipais. O Concello abre estas instalacións estivais despois substituír a soleira de plaqueta existente por un chan de céspede artificial. Ao mesmo tempo levouse a cabo a poda das árbores para garantir unha maior claridade, o encintado do vaso da piscina, limpeza da beirarrúa perimetral, etc. Ademais o Concello está a preparar un espazo aledaño ás piscinas de herba natural, con arbores e mesas no que os visitantes da piscina poderán xantar/merendar e descansar nas horas de máis calor este verán. Está previsto que esta zona poida ser inaugurada a principios do mes de xullo. A piscina funcionará ata o 8 de setembro de 12.00 a 21.00 horas.

Como todos os anos, o Concello ofrecerá diferentes modalidades de abono para os empadroados na localidade. Ademais da entrada individual diaria –que contará con bonificacións para a 3ª idade e para as persoas menores de 18-, haberá abonos familiares. Os menores de 3 anos poderán acceder de xeito gratuíto.

Nas piscinas, que contarán con varios socorristas para a súa vixilancia, os bañistas deberán usar roupa de baño e chanclas, sendo recomendable o uso de gorro. Ademais, deberanse cumprir todas as normas relativas ás piscinas de uso público.

Cursos de natación

Pola outra banda, un ano máis, o concello de Carral convoca os cursos de natación para os meses de xullo e agosto para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. As datas previstas para estes cursos serán desde o 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 30 de agosto.

Os alumnos distribuiranse en grupos segundo as idades, e dentro de cada grupo estableceranse os niveis de iniciación e de perfeccionamento. Impartiranse en horario de mañá, entre as 12.00 e as 14.00 h segundo os grupos, gardando sempre a premisa de que os maiores acudirán nas primeiras horas da mañá e os máis pequenos en horario máis próximo ao medio día. As clases serán impartidas por monitores especialistas, e terán unha duración de 45 minutos por sesión de luns a venres, sempre coa presenza dun socorrista. O prezo do curso será de 28 €/alumno cada mes.

O prazo de inscrición para os cursos de xullo irá dende o 17 ao 24 de xuño, mentres que a inscrición para os cursos de agosto irá desde o 15 ao 22 de xullo. A inscrición poderase tramitar a través dun formulario web habilitado para elo ou presencialmente no Complexo Deportivo de Carral.

Para todos aqueles interesados poderán informarse ou inscribirse no Centro Deportivo de Carral, (tlfo. 678 338 847), ou en complexo.deportivo@carral.es.

0.18783593177795