A piscina municipal de Paderne pecha o verán con 115 abonados e 1.000 entradas vendidas

ACoruñaXa
O Concello destaca a mellora na calidade do ocio estival tras a reactivación da instalación, despois de catro anos de reforma e adaptación
Imaxe da piscina municipal de Paderne
4 sep 2024

A piscina municipal de Paderne concluíu o período estival cunha excelente resposta por parte da veciñanza. Tras a súa reapertura, catro anos despois de ter estado pechada, a instalación rexistrou 115 abonados de tempada e aproximadamente 1.000 entradas de día vendidas. Ademais, unha quincena de rapaces e rapazas participaron nos cursos de natación ofertados.

O espazo de ocio, reaberto a principios de xullo despois de completar importantes traballos de reforma e de obter as licenzas necesarias, estivo á disposición de toda a veciñanza durante todos os días de xullo e agosto en horario ininterrompido de 12.00 a 20.00 horas, incluíndo festivos. A piscina, que contaba cun mínimo de un socorrista titulado en todo momento, acadou o aforo completo en numerosas ocasións.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou que “o investimento realizado en obras e en persoal foi importante, pero cremos que pagou a pena. Recuperar este servizo representa un salto de calidade no ocio de verán para Paderne.” A reforma incluíu a renovación do vaso da piscina, dos vestiarios e do sistema de fontanaría, así como a remodelación do teito e das paredes.

O Concello tamén fixo que o acceso á piscina fose accesible a través de prezos populares: as entradas individuais custaban 1,80 euros para menores e 3 euros para adultos, mentres que os abonos de tempada variaban entre 12 e 18 euros. Ademais, o abono familiar estaba dispoñible por 36 euros e os cursos de natación tiñan un custo de só 6 euros.

Platas sinalou que, a pesar de que os prezos non cobren o total dos custos, o obxectivo principal era proporcionar alternativas de esparexemento accesibles para todas as familias do municipio, promovendo o desfrute local durante o verán.

0.095279932022095