A piscina climatizada de Ordes abre en setembro a preinscrición dos cursos de natación da nova tempada

A Piscina Municipal Climatizada 'Iván Raña Fuentes' de Ordes abrirá en setembro o proceso de preinscrición para os cursos de natación do primeiro trimestre da tempada 2026/2027, que se desenvolverán durante os meses de outubro, novembro e decembro.
A programación inclúe un total de 28 cursos dirixidos a bebés, nenos e persoas adultas, con diferentes niveis, horarios e modalidades de perfeccionamento, co obxectivo de adaptarse ás necesidades de cada participante.
Como principal novidade desta convocatoria, o Concello modifica o sistema de tramitación das inscricións. A diferenza de anos anteriores, o pagamento xa non deberá realizarse no momento da preinscrición. Primeiro será necesario presentar a solicitude e, unha vez revisada e validada a documentación, as persoas admitidas recibirán por correo electrónico a carta de pagamento, dispoñendo posteriormente dun prazo específico para abonar o importe e confirmar definitivamente a súa praza.
O prazo de preinscrición para as persoas empadroadas en Ordes estará aberto do 3 ao 7 de setembro, mentres que as prazas que queden vacantes ofreceranse posteriormente ás persoas non empadroadas, que poderán presentar as súas solicitudes do 19 ao 21 de setembro.
As preinscricións deberán realizarse exclusivamente de forma telemática a través da páxina web do Concello de Ordes a partir das 10.00 horas do primeiro día de cada prazo. O Concello lembra que non se admitirán solicitudes presentadas antes da apertura oficial do proceso.