A pasarela de Infesta continúa sen unha administración que asuma a súa titularidade

ACoruñaXa
ADIF sostén que non dispón de documentación que acredite a propiedade do paso sobre as vías, mentres a veciñanza reclama unha solución para garantir o seu mantemento
BETANZOS bypass infesta
7 May 2026

A pasarela peonil de Infesta, en Betanzos, segue atrapada nunha indefinición administrativa que dificulta a súa conservación. ADIF sostén que non dispón de documentación que acredite a titularidade da infraestrutura, malia que nos seus arquivos consta unha autorización para a construción do paso sobre a liña Palencia-A Coruña, á altura do punto quilométrico 524/390, a petición da Xunta de Galicia.

A situación mantén sen resolver unha das principais demandas da veciñanza da zona, que utiliza este paso para cruzar as vías do tren. O Concello de Betanzos xa defendera que a pasarela non é de titularidade municipal, mentres que a Xunta tampouco tería asumido formalmente a propiedade da infraestrutura.

Esta falta de acordo entre administracións complica a execución de actuacións de mellora e mantemento nun paso que forma parte da mobilidade diaria de Infesta. A indefinición sobre quen debe asumir as reparacións deixa a pasarela nun escenario de bloqueo, pese ás reclamacións veciñais para garantir a súa seguridade.

ADIF remite ao Real Decreto 929/2020, que establece criterios para repartir responsabilidades cando non exista documentación que acredite a titularidade dun paso superior. Neses casos, o promotor da obra asumiría a estrutura e os elementos principais, o titular do camiño ou estrada faríase cargo do pavimento e o administrador ferroviario mantería as proteccións vinculadas á seguridade ferroviaria.

Os veciños consideran 'alarmante' que Concello, Xunta e ADIF sigan sen pechar unha solución despois de anos de reclamacións. O colectivo da zona pide que as administracións se coordinen para aclarar a titularidade e garantir o mantemento dunha infraestrutura esencial para a veciñanza.

0.1274938583374