A parroquia de Vilamourel en Paderne estrea nova marquesiña de autobús
O Concello de Paderne vén de finalizar a instalación dunha nova marquesiña de autobús na parroquia de Vilamourel, dentro do seu plan de renovación e mellora do mobiliario urbano en todo o municipio.
A nova infraestrutura substitúe á antiga, que presentaba importantes deficiencias como o desgaste da chapa, unha bancada deteriorada e a ausencia dun firme axeitado. Agora, a nova caseta protectora conta cunha estrutura de madeira, banco integrado, pequenas fiestras nos laterais para luz natural e está asentada sobre unha plataforma de cemento. Estas características garanten unha maior comodidade e seguridade para as persoas usuarias, especialmente durante a espera do autobús gratuíto que o Concello de Paderne ofrece á veciñanza no ámbito municipal.
A actuación foi financiada integramente con fondos municipais e forma parte dun proxecto máis amplo para renovar o mobiliario urbano tanto en núcleos urbanos como en zonas rurais, mellorando a funcionalidade e a estética do municipio. “Seguimos traballando para dotar as parroquias de elementos que faciliten a vida diaria e melloren o benestar da veciñanza”, afirmaron dende o Concello.
A nova marquesiña é un exemplo do compromiso de Paderne por ofrecer un espazo público máis accesible e funcional para todas as persoas.