A parroquia de Trasanquelos celebra dende hoxe as súas festas en honra a San Salvador

ACoruñaXa
A parroquia de Trasanquelos, en Cesuras, inicia unha fin de semana festiva cunha churrascada, música tradicional e verbenas
trasanquelos
4 Out 2024

A parroquia de Trasanquelos, no municipio de Cesuras, acollerá esta fin de semana as tradicionais festas en honra a San Salvador, con tres días de actividades relixiosas, música e diversión para toda a familia.

A festa comeza o venres 4 de outubro, cando ao serán, os veciños poderán gozar dunha gran churrascada e pulpada popular, acompañada pola música do grupo de gaitas O´Xico. Para rematar a noite, celebrarase unha queimada tradicional con conxuro, seguida dunha gran verbena a cargo da orquestra Escaparate, que animará a xornada festiva ata ben entrada a noite.

O sábado 5 de outubro, os actos comezarán ás 13.00 horas coa misa solemne en honra a San Salvador. A continuación, terá lugar a sesión vermú, amenizada polo dúo D'Vicio. Pola tarde, a partir das 17.30 horas, os máis pequenos serán os protagonistas coa Gran Festa Infantil, que incluirá inchables gratuítos e xogos. Para poñerlle o broche de ouro á tarde, haberá unha chocolatada popular. A festa continuará pola noite cunha nova verbena a cargo do dúo D'Vicio.

O domingo 6 de outubro será o día grande das celebracións. Ás 13.00 horas oficiarase outra misa solemne en honra ao Santo, acompañada polo grupo de gaitas O´Xico. Ao finalizar, comezará a sesión vermú e o peche das festas estará a cargo da cantante Aixa Romay, que despedirá esta fin de semana festiva cunha actuación musical.

As festas de Trasanquelos prometen tres días de tradición, gastronomía e moita música, ofrecendo unha oportunidade para que veciños e visitantes gocen dun ambiente festivo na honra a San Salvador.

0.17900800704956