A Orquestra Sinfónica de Galicia terá en 2026 o maior orzamento da súa historia: case 11,3 millóns de euros

ACoruñaXa
O Concello da Coruña achegará 4 millóns e a Escola Municipal de Música contará con 650.000 euros; a tempada inclúe 32 concertos no Palacio da Ópera e unha primeira xira polo Reino Unido
A CORUÑA ines OSG
27 Jan 2026

O Consorcio para a Promoción da Música, entidade que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), contará este ano co seu orzamento máis elevado ata a data: un importe inicial de case 11,3 millóns de euros. As contas, aprobadas este martes na Xunta de Goberno do consorcio (presidida pola alcaldesa, Inés Rey), medran en 379.360 euros con respecto ao exercicio anterior.

A rexedora, que presentou os detalles xunto ao xerente do Consorcio, Juan Antonio Cuéllar, e ao concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou que o Concello da Coruña mantense como o principal sostén económico da institución, cunha achega de 4 millóns de euros. O resto do financiamento completarase con contribucións da Xunta de Galicia e da Deputación.

No apartado artístico, o Consorcio avanzou que en 2026 se reforzará a actividade da OSG, cunha programación para persoas abonadas de 32 concertos no Palacio da Ópera (21 en venres e 11 en sábado) ao longo de máis de 46 semanas. Ademais, a formación sairá de xira con 16 actuacións noutros concellos galegos (entre eles Vigo, Santiago e Ferrol), dous concertos en Bilbao e sete en Inglaterra, no que será a primeira xira da orquestra polo Reino Unido.

Entre as propostas destacadas da tempada figura a estrea da ópera ‘Lúa’, de Fernando Briones, un programa con música orixinal de Disney, iniciativas dirixidas ao alumnado de primaria e o I Festival Internacional de Música para Cinema, con catro concertos monográficos centrados en compositores contemporáneos.

No eido educativo, tamén se aprobou o orzamento da Escola Municipal de Música, que disporá este ano dunha dotación de 650.000 euros achegados polo Concello, segundo o convenio de cooperación horizontal asinado. A maiores, acordouse o nomeamento de José Luis Méndez Romeu como representante da Asociación de Amigos da Ópera na Xunta de Goberno do Consorcio.

Desde o Goberno local salientaron que a entidade deixa atrás as tensións financeiras: o exercicio 2025 pechouse con contas equilibradas e o orzamento de 2026 incorpora unha mellora nas retribucións do persoal. Inés Rey destacou a dimensión cultural do proxecto e reivindicou o papel da sinfónica na cidade: ‘Ningunha cidade do noso tamaño ten unha orquestra sinfónica, e menos aínda da calidade da nosa’.

⚙ Configurar cookies
0.078472137451172