A Orquestra Barceló e o Mago Román serán as protagonistas das festas de Novo Mesoiro esta fin de semana
O Concello da Coruña organiza as festas do barrio de Novo Mesoiro, nas que o Goberno local se implicará coa posta en marcha de diversas actividades entre este venres, 30 de agosto, e ata vindeiro luns 2.
A programación familiar de Cascarillarte será unha das grandes apostas nestas festas, co Mago Román como un dos protagonistas. Actuará este venres (18.00 horas) na contorna do parque infantil, seguido posteriormente por Pablo Díaz e as súas ‘Novas vellas melodías’. Xa pola noite, a Orquestra Barceló porá a música a partir das 22.00 horas, con Mat DJ como encargado do peche da xornada, cunha actuación que comezará ás 01.00 horas.
O sábado 31, de 13.00 a 21.00 horas, terá lugar un concurso de música de bandas locais, no que participarán artistas e grupos como Juan de Nós, RockBuster, Roda Door, Spellvound, Revel Velvet, The Black Age, Crowded e Stoner Monster. Será, novamente, preto do parque infantil. Xa ás 22.00 horas, comezará unha noite electrónica con DJ’s, protagonizada por Nautna, Liño, Hazmatz e Hoscspannung.
O domingo 1, ao mediodía, será o turno da Agrupación Folclórica Aturuxo, que interpretará unha ruada pola avenida de Novo Mesoiro a partir das 12.00 horas.
Cómpre lembrar que, en caso de choiva, as actividades previstas na contorna do parque infantil levaranse a cabo no centro cívico do barrio. Ademais, na zona da festa haberá comida a prezos populares e tamén atraccións para as crianzas. Neste sentido, o luns 2 será o Día do Neno precisamente nas atraccións.