A olería, a artesanía e a gastronomía volven ser protagonistas nunha nova edición de Alfaroleiros en Oleiros

O parque Luís Seoane de Oleiros acolle desde este mércores unha nova edición de Alfaroleiros, a feira dedicada á olería que reúne ata o domingo 23 artesáns procedentes de distintos puntos de Galicia, España e Portugal.
Durante catro días, o evento combina a exposición e venda de pezas de cerámica con actividades paralelas centradas na artesanía, a gastronomía e a música tradicional, consolidándose como unha das principais citas deste sector na Península Ibérica.
A gastronomía terá tamén un papel destacado coa celebración de 15 sesións de showcooking a cargo do cociñeiro André Arzúa, de Espazo Abella. As demostracións culinarias incluirán receitas elaboradas con produtos de proximidade, como risoto de shiitake de Paderne, tacos de brisket de tenreira galega, tiramisú de licor café ou mousse de lima e iogur grego.
A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa feira a través do Mercado da Deputación, un espazo no que participan sete obradoiros artesáns: Jorge Eiroa, Moira Artesanía, D'Rositas, Redeiras Artesás, Jerolas, Vacatola e Comeluz. Ademais, a institución provincial impulsa parte da programación cultural do evento, que incluirá o domingo, ás 13.00 horas, a actuación das pandereteiras Do Rivés.
Alfaroleiros volverá converter durante toda a fin de semana a Oleiros nun punto de encontro para profesionais da cerámica, artesáns e visitantes, cun programa que busca poñer en valor os oficios tradicionais e os produtos locais.