A obra 'Deadpan Karaoke' de Ibuprofeno Teatro chega este sábado a Mera

ACoruñaXa
O auditorio Gabriel García Márquez acollerá un espectáculo cómico-musical premiado
Imaxe do auditorio Gabriel García Márquez en Oleiros
12 Nov 2024

Este sábado 16 de novembro, ás 20:30 horas, o auditorio Gabriel García Márquez de Mera, en Oleiros, será o escenario de Deadpan Karaoke, unha obra da compañía galega Ibuprofeno Teatro. O espectáculo, dirixido por Patricia Rodríguez, destaca por ser unha proposta unipersoal de carácter participativo que combina comedia, música e cine nun formato que explora o amor desde a perspectiva do absurdo e a sorpresa. A personaxe de Deadpan, incapaz de sentir e expresar emocións, actúa como guía nesta "catarse cómico-musical" sobre o amor, abordando temas como o narcisismo e a vulnerabilidade emocional a través de escenas de grande beleza visual.

A obra, galardoada cos premios María Casares 2024 á Mellor maquillaxe e ao Mellor espazo sonoro, destaca tamén polo seu coidado deseño escénico e a súa ambición plástica, que busca transitar do real ao onírico e capturar o sublime do amor nun formato teatral pouco convencional.

Con 75 minutos de duración, o espectáculo está dirixido a maiores de 12 anos. As entradas, cun prezo de 4 euros, poden adquirirse en liña a través de www.giglon.com dende o domingo 10 de novembro ata o sábado 16 ás 19:00 horas, ou na billeteira do auditorio unha hora antes do comezo.

0.11198902130127