A obra de teatro 'Kyoki' sobre o alzhéimer chega este venres ao Auditorio de Arteixo

ACoruñaXa
A compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro leva a Arteixo unha peza de linguaxe xestual sobre sobre o esquecemento, a vellez e a soidade desde unha ollada poética, cómplice, cómica e reflexiva
Imaxe da obra de teatro 'Kyoki'
Imaxe da obra de teatro 'Kyoki'
17 abr 2024

O alzhéimer desde unha ollada poética e cómplice é o fío condutor de 'Kyoki', o espectáculo que Elefante Elegante levará ao Auditorio de Arteixo este venres, 19 de abril, ás 18.30 horas. Esta peza para público familiar dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade.

As entradas pódense mercar por adiantado na seguinte web ou ben o mesmo día da función na billeteira do Auditorio en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 horas. Os prezos oscilan entre os 3 euros da entrada xeral e os 2.25 da bonificada (menores de 18 e maiores de 65 anos).

A obra, protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, e baixoo nome de Kyoki (palabra que significa “demencia” en xaponés) é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. Porque, se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada... Quen non esqueceu algunha vez onde colocara a caixa das galletas? Ou, quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés? 'Kyoki' quere ser unha ollada sensible ás experiencias que viven as persoas que precisan ser coidadas e mais as propias coidadoras.

Por medio dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral de 'Kyoki' baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, para definir unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo. A posta en escena fundaméntase xa que logo na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.

'Kyoki' é un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.

Cómpre sinalar que 'Kyoki' presentouse o pasado febreiro en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón. A obra de Elefante Elegante formou parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición.