A obra de Luís Seoane regresa a súa Fundación na Coruña coa exposición ‘Identidade, memoria histórica e movementos sociais’

ACoruñaXa
A exposición estará aberta á cidadanía durante un ano a partir do 10 de xullo
Imaxe dunha obra de Luis Seoane
4 Xul 2024

A obra de Luís Seoane volverá a ser exposta na súa Fundación na cidade da Coruña a partir do vindeiro 10 de xullo grazas á mostra ‘Identidade, memoria histórica e movementos sociais’. O proxecto, comisariado por Silvia Longueira e María Antonia Pérez, permanecerá aberto á cidadanía durante un ano.

Este proxecto reúne óleos, gravados, debuxos e produción editorial contextualizados dentro de tres grandes bloques temáticos, que poñen de manifesto diferentes aspectos do pensamento do artista galego. As vangardas europeas, a reivindicación da historia, tradicións e identidade galegas, a arte e cultura americanos, o compromiso político e a incorporación de Galicia aos postulados da modernidade son os fíos condutores desta exposición.

A exposición, que estará nas salas da Fundación Luis Seoane durante un ano, incluirá un programa de visitas guiadas para adultos e, a partir do mes de setembro, acollerá á comunidade educativa. A mostra contará con máis de 50 pezas, entre óleos, obra gráfica, debuxos, produción editorial e outros soportes, distribuídas en dúas salas segundos os tres apartados aos que fai referencia o seu título: Identidade, Memoria Histórica e Movementos Sociais.

Identidade

As labores do campo, representadas en óleos como ‘La malla’ (1954), as paisaxes urbanas de Bos Aires en ‘Tranvía amarillo’ (1952) e o Londres de ‘Barcazas en el Támesis’ (1949) ou ‘Mar del Orzán’ (1973) conviven neste apartado coa figura da moura ‘Ana Manana’ (1960), representada por Seoane nun gravado en madeira ou o debuxo ‘Na fonte de santa de Piñor, saleu un cabalo do fondo da terra’ (1943), que reproduce unha lenda popular. Estas son algunhas das pezas coas que se abre o percorrido expositivo, unha sección na que se recollen elementos relacionados co concepto de identidade, que para o artista abrangue desde a relación entre a paisaxe e os seus habitantes ata os costumes e tradicións populares.

Memoria histórica

A memoria histórica, entendida como espazo reivindicativo do pasado real ou mitolóxico dun pobo, desprégase neste apartado con referencias ás culturas latinoamericanas, presentes na xilografía ‘Cabeza de Huaco’ (1966) ou no óleo ‘Tocando la quena’ (1950); e en obras como o álbum ‘Imágenes de Galicia’ (1979), co que Seoane busca representar lendas e fragmentos da historia de Galicia que xamais tiveron expresión gráfica.

O mundo do traballo e os seus protagonistas -campesiños, mariñeiros, artesáns e obreiros- xunto coa dura realidade da emigración ocupan un papel destacado nesta sección, exemplicando a conciencia de clase do artista e a súa loita contra as inxustizas sociais. A denuncia da situación política, marcada pola ditadura fascista, así como a opresión e o asoballamento que padecen traballadores e campasiños protagonizan óleos como ‘El proceso de Burgos’ (1971) e un conxunto de debuxos realizados principalmente na década dos 50 nos que se aprecia a influencia de George Grosz, ao que Seoane admiraba desde os seus anos de estudante en Santiago de Compostela e ao que dedicaría unha monografía publicada por Ediciós do Castro en 1975.

A produción editorial de Luís Seoane, fundamental na súa andaina como artista e divulgador cultural, está presente na exposición grazas a unha selección de títulos que se espalla polos tres apartados dos que consta o proxecto. A cultura galega e a americana conviven nos debuxos do álbum el álbum ‘Homenaje a la Torre de Hércules’ (1943), que recrean un espazo mítico inspirado polo faro romano da Coruña; e das xilografías do álbum ‘32 refranes criollos’ (1965), nos que o artista utiliza un soporte popular, como é o gravado en madeira, para ilustrar os proverbios do folclore arxentino, xunto con outros exemplos como ‘La insepulta de Paíta’ (1962), que recrea a historia de Manuela Sáenz, parella de Simón Bolívar ou o célebre ‘Martín Fierro’ de José Hernández (1972), por citar algúns exemplos.

O compromiso político do autor, plasmado nos debuxos de ‘Paradojas de la Torre de Marfil’, publicado por Botella al Mar en 1952 ou a súa obra poética, da que é excelente exemplo ‘Na brétema Sant-Iago’ (1956), que inclúe dez gravados en metal realizados polo autor, tamén está presente nesta exposición, na que ademais poderá verse un dos tapices elaborados por Elena Montero. A peza é unha homenaxe a Julián Grimau, executado polo réxime fascista en 1963, unha inxustiza contra a que o artista se revolveu que aparecerá en varias das súas obras.

0.16974687576294