A nova unidade de psicoxeriatría xa atende aos seus primeiros pacientes

ACoruñaXa
Esta unidade, que comezou a atender os seus primeiros pacientes o 16 de setembro, está destinada a proporcionar atención psiquiátrica especializada
unidade-psicoxeriatría-Ventorrillo-5
28 Sep 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou a nova unidade de psicoxeriatría da área sanitaria da Coruña e Cee, situada no centro de saúde do Ventorrillo. Esta unidade, que comezou a atender os seus primeiros pacientes o 16 de setembro, está destinada a proporcionar atención psiquiátrica especializada a persoas maiores de 65 anos con enfermidades mentais complexas, como trastornos afectivos, psicoses ou demencias.

Acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da área sanitaria, Luis Verde, o conselleiro realizou un percorrido polo novo servizo xunto coa doutora Sonia Gómez Pardiñas, coordinadora da unidade. O equipo multidisciplinar desta unidade está composto por unha psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha enfermeira e unha traballadora social, que se encargan de tratar casos de alta complexidade, moitos deles con comorbilidades ou problemas de abuso de substancias.

O servizo ofrece avaliacións neuropsicolóxicas, psicoterapia individual e grupal, e obradoiros de estimulación cognitiva, ademais de realizar valoracións a domicilio en casos específicos. Esta iniciativa forma parte do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (2020-2024), cun orzamento de 83 millóns de euros, destinado a mellorar a atención en saúde mental e á contratación de 241 novos profesionais. Ademais, recentemente entrou en funcionamento na mesma área sanitaria unha nova unidade para atender os primeiros episodios de psicose no hospital Abente y Lago. A Xunta está desenvolvendo un novo plan para cubrir as necesidades detectadas, que incluirá unha rede de atención psicolóxica en atención primaria coordinada por profesionais da psicoloxía clínica.

0.12933397293091