A nova norma da piscina municipal provoca queixas e obriga o goberno local a buscar unha saída en Sada

ACoruñaXa
A esixencia de que os menores de 14 anos estean acompañados por unha persoa adulta en toda a instalación, incluídos os vestiarios, foi impulsada pola oposición no pleno e está a alterar a rutina dun servizo con máis de 800 persoas abonadas
SADA piscina munifical
3 Mar 2026

O Concello de Sada asegura que leva varios días avaliando sobre o terreo o impacto do novo criterio de uso na piscina municipal, aprobado a pasada semana tras un debate plenario promovido pola oposición. O cambio amplía a obrigatoriedade de acompañamento para os menores de 14 anos a toda a instalación, tamén nos vestiarios, cando ata o de agora a supervisión se circunscribía ao vaso da piscina por motivos de seguridade acuática.

Segundo o goberno local, a medida está a xerar ‘dificultades innecesarias’ no día a día dunha instalación que conta con máis de 800 persoas abonadas e arredor de 200 cursillistas. Dende a Concellería de Deportes indican que xa se están a recoller numerosas mostras de desconformidade, incluídas queixas formais e mesmo algunha baixa, ao considerar que o novo funcionamento non responde ás necesidades maioritarias das persoas usuarias.

O Concello afirma que traballa nunha solución para recuperar a normalidade no uso da piscina, procurando que se manteña garantida a intimidade dos menores e que a organización sexa compatible cos espazos dispoñibles. A prioridade, engaden, é atopar unha alternativa ‘na que prime o sentido común’, como sostén o executivo municipal.

Na súa valoración, o goberno local tamén critica que a modificación non naceu dun problema xeneralizado, senón dunha demanda minoritaria, e lamenta que a oposición non atendese as advertencias sobre as consecuencias prácticas do cambio. Ao tempo, o Concello quixo recoñecer publicamente o labor do persoal da piscina municipal, ao que agradece a profesionalidade e o compromiso coa prestación do servizo nun contexto de tensión e adaptación.

0.12762403488159