A nova narrativa galega toma a palabra nunha xornada literaria en Marineda City

ACoruñaXa
O encontro 'A conquista da literatura galega' celébrase hoxe con contacontos, música e dúas mesas redondas con autores galegos
Marineda-City
15 May 2026

Marineda City celebra hoxe, venres 15 de maio, unha xornada literaria especial con motivo do Día das Letras Galegas. Baixo o lema 'A conquista da literatura galega', o centro acollerá un encontro pensado para poñer o foco nas novas voces da narrativa galega e na proxección actual da literatura feita en Galicia.

A programación desenvolverase na praza Emilia Pardo Bazán, na planta 0, e combinará actividades para público infantil con espazos de conversa arredor dos retos, éxitos e camiños abertos pola creación literaria contemporánea. A proposta busca achegar a lectura a públicos diversos e reivindicar a forza dunha xeración de autores e autoras que está a gañar presenza dentro e fóra de Galicia.

A xornada comezará ás 17.30 horas cun concerto e un contacontos infantil a cargo de Silvia Penide. A cantautora e narradora coruñesa será a encargada de abrir unha tarde na que a música e a palabra servirán como punto de partida para celebrar a lingua e a cultura galegas.

A partir das 18.15 horas celebrarase a primeira mesa redonda, titulada 'Novas voces femininas en Galicia'. Nela participarán Guada Guerra e Cati Calo, que conversarán sobre as novas narrativas, os retos das creadoras actuais e a presenza das mulleres na literatura galega contemporánea.

O programa continuará ás 19.15 horas coa mesa 'Literatura made in Galicia, autores traducidos ao castelán', na que intervirán Antía Yáñez e Óscar Reboiras. O encontro abordará o fenómeno das obras que nacen en lingua galega e conseguen chegar a novos lectores a través da súa tradución e difusión noutros mercados.

0.12171578407288