A nova escola de Xarío, en Miño, case duplica as prazas de educación infantil

O Concello de Miño recepcionou esta semana as obras que converteron a antiga escola unitaria de Xarío nunha nova escola infantil, unha actuación que permitirá ampliar de maneira notable a oferta municipal de prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos a partir do vindeiro curso. Coa apertura destas instalacións, o municipio pasará das 76 prazas actuais a un total de 129, case o dobre.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, acompañado por outros membros do goberno local, visitou as novas dependencias, concibidas para reforzar o servizo e mellorar a atención ás familias. O novo centro dispón de tres aulas, cada unha co seu patio propio, ademais de comedor e unha zona verde exterior.
A intervención contou cun orzamento de 265.970,05 euros e estivo financiada a través dunha subvención con fondos europeos Next Generation, canalizados mediante a Xunta de Galicia.
Vázquez Faraldo destacou que se trata dun investimento 'moi necesario' para responder á demanda crecente derivada do aumento continuado de poboación no municipio, que supera xa os 7.000 habitantes e rexistra unha elevada presenza de familias con crianzas. O rexedor lembrou tamén a evolución das prazas dispoñibles nos últimos anos: 'No ano 2019, cando chegamos ao goberno, había 56 prazas; coa última ampliación que fixemos na Ceboliña chegamos ás 76 actuais, e agora serán 129'.