A nova escena musical galega presente no Atlantic Pride 2025: De Ninghures, Agoraphobia e máis

ACoruñaXa
Outras confirmacións para o festival coruñés: Coolnenas, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla
atlantic-pride
11 Mar 2025

A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride 2025, coa confirmación de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla, que se suman ao ‘line up’ da 6ª edición do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Estes expoñentes galegos súmanse á presenza de cinco grandes divas do pop español: Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións

O domingo 6 de xullo, as bandas encargadas de dar o pistoletazo de saída á nova edición do Atlantic Pride na Praza de Pontevedra serán De Ninghures e Coolnenas. De Ninghures é unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súo diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, facendo tanto bailar como emocionar coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. N

o Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, "Feira", publicado no pasado mes de febreiro. Mentres, as Coolnenas presentarán a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de DJ set alí por onde pasan. Nas súuas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros éxitos do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía contaxiosa, como, sen dúbila, amosarán este verán na Coruña.

O luns 7 de xullo, a cantante e produtora santiaguesa ELBA fará a súa aparición no Atlantic Pride a golpe de sintetizadores, voces atmosféricas e elementos operísticos que dan vida á súa electrónica pop de vangarda. Xa o martes 8 de xullo, chegaralle a súa quenda a Agoraphobia e máis a Rivadulla. A banda de rock alternativo nada en Boiro regresou o pasado mes ás ondas con "Eyes Never Lie", o primeiro avance do seu novo álbum, que o público do Atlantic Pride poderá escoitar ao vivo no escenario da Praza de Pontevedra. O seu potente rock alternará sobre as táboas coas cancións sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, de Rivadulla e a súa mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun concepto que o propio artista define como “parkineo marika”.

Pola súa banda, o mércores 9 de xullo, Alana amosará a súa música tradicional galega con ritmos de base electrónica e pop, nun proxecto novo, diverso e cunha potente posta en escena, vinculada coas raíces e o baile. Finalmente, esa mesma noite, LERIA fará gala sobre o escenario do Atlantic Pride da súa celebrada música indie na nosa lingua, cun directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables.

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de DJs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación.

⚙ Configurar cookies
0.74031209945679