A nova biblioteca de Palavea dá o primeiro paso coa demolición do antigo mercado

A transformación do antigo mercado municipal de Palavea comeza a avanzar. A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a adxudicación dos traballos de demolición do inmoble, que serán executados pola empresa Demoliciones Coruña.
A derruba supón o primeiro paso para facer posible a construción da nova biblioteca municipal do barrio, un equipamento que tamén incluirá unha aula de informática. O Concello concibe esta actuación como unha peza clave para revitalizar Palavea e dotar á veciñanza dun novo espazo sociocultural.
O proxecto desenvolverase nunha segunda fase, para a que o Goberno local prevé destinar arredor dun millón de euros. O Pleno municipal aprobou en marzo o estudo de detalle da futura biblioteca, un trámite necesario para avanzar na creación do novo edificio.
Na mesma reunión, a Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde á licitación do contrato de mantemento da rede municipal de saneamento, un dos servizos relevantes para a conservación das infraestruturas urbanas da cidade.
O Concello reservará case 4 millóns de euros para este contrato durante os dous próximos anos, cun investimento aproximado de 2 millóns anuais. O acordo poderá ampliarse por tres anualidades máis.
O executivo municipal enmarca esta medida no plan de mellora das canalizacións de saneamento iniciado no mandato anterior, co obxectivo de renovar tubaxes, modernizar a rede, reducir riscos de fugas e estender a rede separativa a rúas e núcleos residenciais que aínda non dispoñían dela.