A música urbana abrirá no Barrio das Flores a nova tempada de festas da Coruña

A nova tempada de festas nos barrios da Coruña arrincará esta fin de semana no Barrio das Flores, que acollerá tres días de celebracións con música, propostas familiares, gastronomía e actividades ao aire libre. A programación desenvolverase entre o venres 8 e o domingo 10 de maio, coa praza central do barrio como principal punto de encontro.
O inicio das festas será o venres ás 19.30 horas coa lectura do pregón, que correrá a cargo de Cañita Brava. A continuación, ás 20.00 horas, comezará o festival de música urbana ‘Urban Bloom’, unha das grandes apostas do cartel, coa participación do rapeiro madrileño Al Safir. Tamén actuarán Boby Drake, Joven Tensa & Kid Fisto, Rookah, Antía, Mark Adams, Tandub e DJ Hugo Mosquera.
A celebración continuará o sábado 9 coa Festa dos Maios, que contará cunha ampla programación desde a mañá. A xornada abrirase ás 10.00 horas coa actuación de Aturuxo e seguirá co xantar popular previsto para as 14.00 horas. Pola tarde haberá contacontos con Silvia Penide, Laura Rey e Natalia Navaza a partir das 16.00 horas, antes da elaboración dos maios, programada para as 16.30 horas.
A música volverá tomar protagonismo durante a tarde e a noite do sábado. Cántigas da Terra actuará ás 18.00 horas e DJ Misa farao ás 19.00 horas. Xa pola noite chegarán os concertos de Mediarea, ás 23.00 horas, e de Rapariga DJ, ás 00.30 horas.
O cartel da Festa dos Maios está ilustrado cun cadro do artista Alejandro Mosquera, veciño do barrio. A obra será exposta o sábado 9 na praza central e porase á venda o domingo 10 coincidindo co Mercado das Flores.
A última xornada das festas terá como protagonista o tradicional Mercado das Flores, que abrirá ás 11.00 horas con máis de 80 postos comerciais confirmados, ademais de música e propostas gastronómicas. Tamén ás 11.00 horas haberá alborada de gaiteiros e ás 12.00 horas unha sesión de zumba na rúa.
O concurso de tortillas celebrarase ás 13.00 horas e, media hora despois, actuarán José Brea e Miguelón. A festa dos callos será ás 14.00 horas e pola tarde haberá novas actuacións con El Corta, ás 15.00 horas, e Ángel Montoya, ás 17.00 horas.