A música tradicional tomará hoxe Teixeiro coa celebración da XIV Ruada

ACoruñaXa
A cita comeza esta tarde ás 19.00 horas cunha foliadiña infantil, continuará con agrupacións convidadas e rematará cunha foliada aberta ao público, con pinchos gratuítos e sorteos
CURTIS ruada teixeiro
24 Oct 2026

Teixeiro celebra este sábado 24 de outubro a XIV Ruada de Teixeiro, unha cita dedicada á música e ao baile tradicional galego que reunirá diferentes agrupacións na praza do Pobo. A actividade está organizada pola Asociación Cultural Faragulla e forma parte dunha fin de semana na que coinciden tamén a XXVI Exaltación dos Cogomelos e a Feira do Comercio Local.

A programación comezará ás 19.00 horas cunha Foliadiña infantil, unha das novidades desta edición. A iniciativa busca dar protagonismo aos máis pequenos das agrupacións participantes e facilitar que poidan gozar da música tradicional nun horario máis axeitado.

Tras esta primeira actuación, chegará a quenda dos grupos convidados, que encherán a praza de música e baile. A xornada concluirá cunha foliada aberta na que tamén poderá participar o público, tanto para tocar instrumentos como para cantar ou bailar.

Pinchos gratuítos e espazo para pasar a noite

Ademais das actuacións, a organización prevé sortos e pinchos gratuítos durante a celebración. Tamén habilitará un espazo para durmir para as persoas que se acheguen desde outros lugares e prefiran quedar na zona despois da foliada.

A Ruada chega á súa décimo cuarta edición consolidada como unha cita para compartir a música popular e favorecer o encontro entre agrupacións e afeccionados á cultura tradicional.

Unha fin de semana con máis actividades

A celebración coincide coa XXVI Exaltación dos Cogomelos e coa Feira do Comercio Local, que se desenvolven entre o sábado e o domingo. A programación inclúe propostas gastronómicas, actividades relacionadas coa micoloxía e actuacións musicais.

Este sábado, a partir das 10.00 horas, está prevista unha saída para recoller cogomelos guiada por especialistas da Asociación Pan de Raposo, con saída desde a praza de España. A Feira do Comercio Local abrirá ás 12.00 horas e contará con postos de diferentes sectores e actividades complementarias.

A coincidencia das tres propostas ofrece durante toda a fin de semana distintas alternativas culturais, comerciais e gastronómicas para veciñanza e visitantes.

0.15190505981445