A música tradicional tomará as rúas de Ordes cunha nova edición da Convidada

A música, o baile e as tradicións galegas volverán ser protagonistas en Ordes o vindeiro 10 de outubro coa celebración da sexta edición da Convidada, un evento organizado polo grupo de gaiteiros Embruxo coa colaboración do Concello de Ordes e o patrocinio da Deputación da Coruña.
A programación combinará actividades formativas con propostas festivas abertas á veciñanza e ás persoas visitantes, nunha xornada que buscará poñer no centro a cultura tradicional da comarca.
As actividades comezarán pola mañá cunha programación especialmente orientada á aprendizaxe. Haberá un obradoiro de baile tradicional impartido por Carlos Xosé e outro de pandeireta a cargo de Xisco Feijoó, ambos cun prezo de 25 euros.
A oferta formativa incluirá tamén un taller de fabricación de pandeiretas, impartido por Regos Pandeiretas e con actividade durante a mañá e a tarde, cun custo de 70 euros. Pola súa banda, Oli Xiráldez ofrecerá pola tarde un obradoiro gratuíto de enredos sonoros.
Sesión vermú, xantar e cantos de taberna
A parte máis festiva da Convidada comezará antes do xantar cunha sesión vermú amenizada pola charanga Os Argalleiros, procedente de Sigüeiro, á que seguirá un xantar popular.
Xa pola tarde, a celebración trasladarase aos espazos públicos da vila. Ás 19.30 horas, a alameda de Ordes acollerá a reunión dos grupos que participarán nos cantos de taberna.
Media hora máis tarde, ás 20.00 horas, comezará o percorrido polos diferentes establecementos hostaleiros da localidade, levando a música tradicional ás rúas e bares de Ordes.
A xornada continuará ás 22.30 horas coa gran foliada na alameda. A primeira parte contará coas actuacións da charanga Benofán e da Requinta de Lampai, antes de abrir o escenario á participación de todas aquelas persoas que queiran sumarse coa súa música.
Durante a foliada tamén se celebrará un sorteo de agasallos achegados por empresas e establecementos colaboradores. Entre os premios figuran unha pandeireta de nove pares de Manels Percusión, dous punteiros impresos en 3D de Suso Gestal, un pandeiro cadrado de Regos Pandeiretas e un año cedido pola Carnicería Enrique.
As persoas interesadas en participar nos obradoiros ou no xantar popular xa poden formalizar a súa inscrición para unha xornada que volverá converter Ordes nun punto de encontro para os amantes do folclore e da cultura tradicional galega.