A música toma Santa Cruz cun roteiro de 13 actuacións ao aire libre

ACoruñaXa
A Escola Municipal de Música de Oleiros levará este domingo concertos e propostas escénicas a prazas, parques e rúas, co musical 'Aladdín' como unha das grandes citas da xornada
OLEIROS concerto santa cruz
12 Jun 2026

Santa Cruz converterase este domingo, 14 de xuño, nun gran escenario ao aire libre coa celebración do roteiro musical da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros. A programación inclúe 13 actuacións en distintos espazos públicos e estará aberta a toda a cidadanía.

A actividade comezará pola mañá con propostas repartidas entre a ponte do Castelo, o Parque do Emigrante, o Parque Luís Seoane e a rúa do Mar. Desde as 11.00 horas, o público poderá gozar de actuacións de canto, piano, banda infantil, percusión, corda, vento, combos, gaita e acordeón, nun percorrido pensado para achegar a música ás rúas e favorecer a participación veciñal.

Un dos momentos máis destacados chegará pola tarde, ás 18.00 horas, na praza Esther Pita, coa representación do gran musical 'Aladdín'. Nesta proposta participarán a Orquestra Sinfónica da Escola Municipal de Música, o coro La Tremenda Tremolina e a Escola Municipal de Danza, nun espectáculo que reunirá música e escena no centro de Santa Cruz.

A xornada rematará ás 21.00 horas na praza do Castelo co concerto da Big Band, encargada de poñer o broche final a unha programación que amosa o traballo realizado polo alumnado e o profesorado da escola ao longo do curso.

O Concello anima á veciñanza a achegarse aos diferentes puntos nos que se desenvolverán as actuacións e a consultar os horarios completos nas redes sociais e na web municipal.

0.11917614936829