A música rock irrompe nas festas de Coirós co estreo do Meigas Fora Fest

Coirós celebrará esta fin de semana as súas Festas na honra ao Santísimo Sacramento cun programa que combina tradición, gastronomía e música. A principal novidade da edición de 2026 será o nacemento do Meigas Fora Fest, un novo festival de rock que aspira a consolidarse como unha cita de referencia para os afeccionados a este estilo musical na comarca.
As celebracións arrancarán o venres 31 de xullo cunha churrascada popular a partir das 20.30 horas. A noite continuará coa actuación do grupo Cinema e a sesión de DJ Takesound. Durante o descanso da verbena celebrarase tamén un sorteo cun premio de 300 euros.
O sábado 1 de agosto será a xornada máis intensa do programa. Ao mediodía, Andrés Solórzano amenizará a sesión vermú e, xa pola tarde, o Campo da Festa converterase no escenario da primeira edición do Meigas Fora Fest, que comezará ás 19.30 horas.
O cartel reunirá seis bandas de diferentes estilos dentro do rock e do punk: Komando Kombate, Trapallada, Scarecröw, The Eskarallas, Perpetual e Demenzia Sozial. O festival nace coa intención de ampliar a oferta musical das festas e atraer público de toda a comarca.
A programación concluirá o domingo 2 de agosto coa celebración da misa solemne ás 12.30 horas. A continuación haberá unha nova sesión vermú con Andrés Solórzano e, como peche das festas, actuará o histórico grupo Los Platinos.
Desde o Concello de Coirós animan á veciñanza e aos visitantes a participar nunhas festas que manteñen o seu carácter tradicional, pero que este ano incorporan unha nova proposta musical coa que buscan reforzar o atractivo da programación estival.