A música histórica volverá soar en seis enclaves patrimoniais da provincia coa nova edición de Espazos Sonoros

GaliciaXa | ACoruñaXa
O ciclo da Deputación da Coruña levará concertos a Arteixo, Betanzos, Vilasantar, A Pobra do Caramiñal, Malpica e Oza Cesuras, antes de pechar a programación cunha nova cita en Viena
DIPU CORU espazos sonoros
7 Aug 2026

A Deputación da Coruña volverá apostar pola unión entre música e patrimonio coa nova edición de Espazos Sonoros, un ciclo que se desenvolverá entre o 5 de setembro e o 8 de outubro e que levará concertos a seis enclaves históricos da provincia, ademais de reforzar a súa proxección internacional cunha nova actuación en Viena.

A programación arrancará o 5 de setembro na igrexa de San Tomé de Monteagudo, en Arteixo, coa actuación de Le Miroir de Musique. Posteriormente, o ciclo fará parada no Teatro-Cine Alfonsetti de Betanzos o 12 de setembro, coa formación Das Kolorit; continuará o 19 de setembro no santuario da Nosa Señora da Laxe, en Vilasantar, con Reïna Lupa; o 26 de setembro chegará á igrexa de Santiago da Pobra do Deán, na Pobra do Caramiñal, con Sara Ruiz; e o 27 de setembro ao Forno do Forte de Malpica, onde actuará o Dúo Abeiro. A programación en Galicia pecharase o 3 de outubro na igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza Cesuras, co concerto do Grupo 1500.

O ciclo concluirá o 8 de outubro coa terceira edición do Serán Galego en Viena (Galicische Nacht in Wien), unha colaboración entre Espazos Sonoros e a sala Sargfabrik, que permitirá volver levar a creación musical galega ao público austríaco.

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destacou que o festival está plenamente consolidado e combina a excelencia artística coa posta en valor do patrimonio histórico da provincia. Segundo sinalou, o obxectivo é ofrecer unha maneira diferente de vivir a música, afastada dos grandes eventos multitudinarios e centrada na calidade, na creación de públicos e na dinamización cultural do territorio.

Como en edicións anteriores, cada concerto estará acompañado dunha actividade do programa 'Coñece o teu patrimonio', que permitirá descubrir a historia e os valores culturais de cada enclave. Haberá visitas guiadas á igrexa de San Tomé de Monteagudo, percorridos polo Betanzos monumental, un paseo polos muíños do río das Gándaras en Vilasantar, unha ruta dedicada a Valle-Inclán na Pobra do Caramiñal, unha visita ao Forno do Forte centrada na tradición oleira e un percorrido narrado por Quico Cadaval arredor da igrexa de Santa María de Cuíña, en Oza Cesuras.

0.12927198410034