A música e o baile tradicional galego protagonizan o Nadal na Coruña

ACoruñaXa
Donaire e Xacarandaina levarán cantos e foliadas a distintos barrios os días 21 e 23 de decembro
cursos-pandeireta-e-costura-pino
15 Dec 2024

O Concello da Coruña, en colaboración con asociacións de cultura galega, organiza unha serie de actividades para dinamizar os barrios durante este Nadal e promover o acceso á música e ao baile tradicional galego. As actuacións principais correrán a cargo das asociacións Donaire e Xacarandaina, que ofrecerán cantos e foliadas os días 21 e 23 de decembro, respectivamente.

Donaire abrirá a programación o sábado 21 de decembro cun percorrido que incluirá actuacións ás 11:30 horas na rúa da Gaiteira, na praza de María Pita e na rúa Barcelona. Os espectáculos estarán dirixidos a públicos de todas as idades: os máis pequenos poderán participar en cantos interactivos e xogos, mentres que os adultos gozarán das melodías tradicionais do Nadal. Cada evento finalizará cunha foliada aberta á participación, permitindo aos asistentes celebrar o inicio das festas nun ambiente comunitario.

Por outra banda, o luns 23 de decembro será a quenda da Asociación Cultural Xacarandaina, que ofrecerá a súa tradicional cantada de Nadal na rúa Florida. Este evento, consolidado como un referente na cidade, contará cun repertorio que achegará a todas as xeracións o baile e a música galega, invitando a veciños e visitantes a gozar dunha xornada festiva previa ás celebracións do Nadal.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia destas actividades para reforzar o tecido cultural da cidade. “Queremos dinamizar os barrios e achegar á cidadanía a riqueza da nosa tradición musical e cultural, sempre da man de entidades tan destacadas como Donaire e Xacarandaina”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.59024906158447