A música e a memoria literaria centran a celebración das Letras Galegas en Cambre

Cambre conmemorará as Letras Galegas 2026 cunha fin de semana dedicada á música, á literatura e á reivindicación da lingua. A programación municipal xirará arredor da figura de Begoña Caamaño, xornalista e escritora homenaxeada este ano, recoñecida polo seu compromiso coa cultura galega e pola súa achega á literatura contemporánea.
Os actos comezarán o sábado 16 de maio, ás 12.00 horas, na Pista do Souto, en Sigrás, co concerto 'Compañeira/o sei cantare'. A actuación correrá a cargo da Banda de Música e do Grupo de Instrumentos Tradicionais de Sementeira de Cambre, nunha proposta que tamén contará coa participación de escolares dos CEIP Gonzalo Torrente Ballester e Portofaro, ademais de alumnado de Sementeira e Aires de Sigrás.
A homenaxe continuará o domingo 17 de maio, ás 11.30 horas, en Vila Concepción, onde terá lugar o acto institucional das Letras Galegas. A cita incluirá a lectura de textos de Begoña Caamaño, acompañamento musical e a proxección do documental 'Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul', unha produción da Real Academia Galega que percorre a vida, a obra e o legado da autora.
Desde o Concello convidan a veciñanza a sumarse a esta programación especial, concibida como unha celebración colectiva do orgullo pola lingua, a música e a cultura galegas.