A música do alumnado de Abegondo ábrese ao público cunha semana de audicións


A Escola Municipal de Música de Abegondo prepara para esta semana unha nova edición da súa Semana das Audicións Abertas, unha iniciativa coa que o alumnado de instrumento compartirá co público o traballo realizado ao longo do curso.
A programación desenvolverase en tres xornadas, todas elas ás 19.00 horas. A primeira cita será o luns 9 de marzo, seguida dunha segunda sesión o mércores 11 e dunha terceira o xoves 12. As audicións terán lugar na aula número 1 do Centro Cultural O Salón.
A proposta permitirá que familiares, amizades e veciñanza poidan asistir ás interpretacións dos alumnos e alumnas da escola, nun formato aberto pensado para achegar a actividade do centro ao público e poñer en valor a formación musical que se desenvolve no municipio.
O acceso será libre ata completar a capacidade do espazo, polo que o Concello de Abegondo anima á cidadanía a asistir a estas sesións e apoiar ao alumnado nunha semana especialmente sinalada para a escola.