A música de vangarda e as Aldeadas marcan os 25 anos da Feira Histórica Arteixo 1900

ACoruñaXa
A celebración regresará do 16 ao 18 de outubro cunha ampla proposta cultural e de lecer que terá nas actuacións musicais e na participación veciñal dous dos seus grandes atractivos
ARTEIXO feira 1900 xente
8 Oct 2026

25 anos de lembranzas. Ese é o lema co que a Feira Histórica Arteixo 1900 celebrará este ano o seu vixésimo quinto aniversario, cunha edición que volverá converter o centro urbano nun escenario para lembrar as raíces do municipio e reivindicar a súa memoria colectiva.

A cita desenvolverase do 16 ao 18 de outubro e contará, unha vez máis, cun papel destacado do tecido asociativo local. Asociacións culturais, veciñais e sociais colaborarán na organización dunha feira que combina tradición, recreación histórica, música, espectáculos e actividades para todos os públicos.

Un dos grandes atractivos desta edición estará na programación musical, que aposta por conectar a tradición galega con propostas contemporáneas. A praza do Balneario concentrará boa parte das actuacións nocturnas, con nomes como Ortiga, Alana, 9Louro, Tapa d'Orella, Terrae e Bouba.

A proposta musical completarase con The Teta's Van na sesión vermú do sábado e cun peche especial o domingo, coa participación de Os Revenidos e a Banda de Música Santiago de Arteixo. A programación busca así combinar diferentes estilos e xeracións, desde a música de raíz ata os sons urbanos e electrónicos.

Outro dos momentos máis agardados será o regreso das Aldeadas, o campionato de xogos populares por equipos que se celebrará o sábado 17. A actividade recuperará diferentes xogos tradicionais nunha proposta pensada para a participación directa da veciñanza e que pretende repetir o éxito da pasada edición.

A feira manterá tamén unha importante presenza de actividades dirixidas á cativada e ás familias, con espectáculos, contacontos, obradoiros e xogos repartidos polos diferentes espazos durante os tres días. A intención é que a celebración vaia máis alá da recreación histórica e ofreza alternativas de lecer para públicos de todas as idades.

Durante a fin de semana tamén estarán presentes o Mercado 1900, a Taberna de Picadillo e outras propostas gastronómicas e vinculadas á ambientación da feira. Entre os servizos previstos figura ademais un Punto Violeta na praza do Balneario durante as noites do venres e sábado.

Coa súa 25ª edición, a Feira Histórica Arteixo 1900 busca manter a súa esencia e, ao mesmo tempo, incorporar novas propostas que permitan atraer públicos diferentes. A participación das entidades locais continúa sendo unha das claves de una celebración que leva un cuarto de século ligada á memoria e á vida cultural do municipio.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

0.14802193641663