A Mostra de Teatro Afeccionado de Sada desenvolverase no mes de abril

ACoruñaXa
A Mostra de Teatro de Sada terá representacións todos os fins de semana do mes de abril na Casa da Cultura Pintor Lloréns
Imaxe do cartel da Mostra de teatro afeccionado de Sada
Imaxe do cartel da Mostra de teatro afeccionado de Sada
31 mar 2024

O Concello de Sada programa una nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado, que celebra este ano a súa décimoseptima edición na Casa da Cultura Pintor Lloréns. Este certame pretende mostrar a creación teatral de compañías de carácter afeccionado, e ó mesmo tempo servir de plataforma que faga visible, impulse e fortaleza este sector de creación cultural.

“As compañías de teatro afeccionadas, sinala o concelleiro de cultura, Marcos Villar, "achegan a un amplo sector de poboación a creación dramática e serven de viveiro para facer emerxer novos talentos artísticos. Para esta concellería, unha das finalidades máis importantes da Mostra de Teatro é o de consolidar e aumentar o público interesado nas creacións artísticas, ademais de ser consecuentes coa labor de formación e promoción cultural que se leva a cabo dende a Escola e a Compañía Municipal de Teatro”.

A Mostra de Teatro do Concello de Sada configúrase como unha cita anual na que teñen cabida os traballos presentados por compañías de teatro amateur para servir de impulso favorecedor da participación popular na cultura e promover o teatro como medio de enriquecemento cultural dos veciños e veciñas. Por medio deste certame inténtase achegar máis o teatro á poboación de Sada, ofrecendo unha visión do panorama do teatro amateur que se fai non só dende Galicia, senón que, na medida en que se apunten e saian seleccionadas, tamén noutras comunidades autónomas.

Premio Lugrís Freire ao mellor espectáculo

Establécese un premio directo de 800 euros ás compañías seleccionadas para a fase de representacións da Mostra. Ademais otorgarase o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o público», cun importe de 400 euros. O público asistente disporá de tarxetas de votación e depositarán a súa valoración ao final de cada función. O premio será para o espectáculo que acade a puntuación media máis alta.

Establécese finalmente o Premio Lugrís Freire ao «Mellor espectáculo para o xurado», cun importe de 400 euros. A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística nomeará un xurado, que estará formado por persoas implicadas na actividade teatral e por representantes municipais. Emitirá unha acta de valoración na que se fallará a compañía premiada. No caso de que o Premio do público e o Premio do xurado recaian no mesmo espectáculo, o premio do xurado outorgarase ao segundo espectáculo con mellor valoración na súa acta.

Calendario de representacións da Mostra de Teatro Afeccionado

O ciclo arrincará o sábado 6 de abril ás 19.00 horas coa obra 'Losers' da compañía A la tardada Teatro de Zaragoza. O domingo, 7 de abril, actuarán 'De marzo a marzo' de Opaí teatro de Ferrol ás 19.00 horas.

Á semana seguinte, o sábado 13 de abril, ás 19.00, actuará a obra 'Croquetas' da Agrupación Teatral Mariñán de Betanzos. O domingo 14 de abril será o turno, tamén ás 19.00 horas, de 'Hasta luego Mari Carmen' de Cajón de Sastre de A Coruña.

Por último, o domingo 21 de abril ás 19.00 horas será a Gala de Clausura e a entrega dos Premios Lugrís Freire. Ademais, haberá a representación da obra 'Melocotón en Almíbar' do Teatro de Artesáns de Sada.

 

 

Cartel Mostra 2024