A mostra de Mabel Lozano sobre a trata de mulleres e nenas fará parada en Bergondo

Bergondo acollerá do 1 ao 15 de maio a exposición 'Chicas nuevas 24 horas', un proxecto da cineasta e documentalista Mabel Lozano que busca poñer o foco sobre a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. A iniciativa chega da man da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, en colaboración co Concello.
A mostra instalarase na Senra e formará parte dun programa máis amplo de sensibilización que tamén incluirá a proxección do documental homónimo o 8 de maio ás 19.00 horas, con entrada libre. Ademais, o 11 de maio está prevista unha actividade específica co alumnado do CPI Cruz do Sar, nunha aposta por achegar esta problemática á mocidade desde a prevención e a concienciación.
Desde novembro, esta exposición percorre distintos municipios e centros educativos galegos co obxectivo de visibilizar unha realidade habitualmente oculta. A través de testemuños de mulleres e nenas de países como España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai, o proxecto amosa as múltiples caras dun negocio sostido pola violencia, os enganos, as ameazas, a extorsión e as débedas impostas polas mafias e proxenetas.
A proposta de Lozano combina imaxes, contidos didácticos e a proxección do documental para ofrecer unha mirada de fondo sobre unha das formas máis graves de violencia exercida contra as mulleres. O obxectivo, segundo destacan as entidades promotoras, pasa por fomentar a reflexión social e implicar especialmente á xente nova na loita contra a explotación sexual e a trata.
A actividade enmárcase nas accións promovidas pola Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, ao abeiro do acordo de colaboración subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Con esta parada en Bergondo, a programación busca abrir espazos de debate e coñecemento arredor dunha lacra que continúa presente, aínda que moitas veces permaneza invisibilizada.
Mabel Lozano leva máis de quince anos centrando o seu traballo audiovisual na denuncia da prostitución e da explotación sexual. 'Chicas nuevas 24 horas', estreado en 2015, converteuse nun dos seus proxectos máis coñecidos, cun percorrido que contribuíu a situar a trata no centro do debate público desde a linguaxe do cinema documental.