A Mostra de Cans de Caza reunirá este domingo afeccionados e criadores nas Quintás

A finca As Quintás, en Abegondo, converterase este domingo 14 de xuño nun punto de encontro para as persoas afeccionadas aos cans de caza. O Concello de Abegondo e a Asociación de Cazadores de Abegondo organizan unha nova edición da mostra, que abrirá as súas portas ás 10.00 horas.
A xornada permitirá coñecer exemplares empregados en diferentes modalidades cinexéticas e servirá como espazo de convivencia entre cazadores, criadores e público interesado. O programa inclúe varias categorías para recoñecer os mellores cans participantes.
A organización entregará trofeos aos exemplares máis destacados de caza maior e caza menor, tanto de pelo como de pluma. Tamén haberá premios para o mellor lote, o mellor can da exposición e a mellor camada presentada durante a mostra.
A entrega de galardóns está prevista a partir das 13.15 horas, poñendo o peche a unha mañá dedicada ao mundo cinexético e ao coidado e selección dos animais.
Os cans que participen deberán acudir provistos de microchip, cartilla sanitaria e toda a documentación esixida pola lexislación vixente. As persoas interesadas en inscribir ou reservar unha praza poden contactar coa organización no teléfono 669 841 452.