A mocidade poderá iniciarse no piragüismo nas III Xornadas de Portas Abertas de Betanzos

ACoruñaXa
O Concello ofrece 120 prazas gratuítas para nenos e nenas de entre 7 e 14 anos durante as Festas de San Roque
BETANZOS piraguismo xenerica
4 Aug 2026

O Concello de Betanzos abriu o prazo de inscrición para participar nas III Xornadas de Portas Abertas de Piragüismo, unha actividade gratuíta organizada en colaboración co Club Piragüismo Ría de Betanzos con motivo das Festas de San Roque.

A iniciativa celebrarase os días 20 e 21 de agosto e busca achegar este deporte aos máis novos, ofrecéndolles a oportunidade de iniciarse na práctica do piragüismo nunha contorna segura e baixo a supervisión de persoal especializado.

Nesta edición ofertaranse 120 prazas, distribuídas en catro quendas de 30 participantes. Cada unha das dúas xornadas contará con dúas sesións: a primeira desenvolverase entre as 10.30 e as 12.00 horas, mentres que a segunda terá lugar de 12.00 a 13.30 horas.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos, que deberán saber nadar, un requisito imprescindible para participar. A organización facilitará a todos os asistentes o correspondente chaleco salvavidas durante o desenvolvemento da actividade.

As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición, polo que o Concello anima ás familias interesadas a formalizar a solicitude canto antes.

0.12705183029175