A mocidade leva á Torre de Hércules unha chamada a usar máis o galego

Máis de 2.200 alumnos e alumnas participaron este mércores na Coruña nunha nova edición do Correlingua, unha iniciativa educativa que busca promover o uso da lingua galega entre a mocidade.
A marcha, que chegou á súa edición número 26, reuniu estudantes de centros educativos da cidade e doutros municipios da contorna. O alumnado percorreu a pé o traxecto entre o Palacio dos Deportes e a Torre de Hércules con pancartas e mensaxes a prol do galego.
A actividade celebrouse este ano baixo o lema 'Co galego no corazón, facemos revolución'. Ao pé da Torre, os participantes reclamaron unha maior presenza da lingua na vida diaria e nos espazos de relación da mocidade.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto e destacou a presenza de centros da Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre ou Pontedeume. Segundo sinalou, a participación amosa que hai unha xeración nova que mantén un vínculo forte co galego.
A xornada estivo presentada pola actriz Isabel Risco e contou coa actuación musical de Mekánika Rolling Band. O manifesto desta edición foi lido polo alumnado do IES Alfonso X O Sabio, de Cambre.
Tamén se entregaron premios á animación. Os centros recoñecidos foron o CEIP Novo Mesoiro e o IES Xosé Neira Vilas, que recibiron como agasallo un lote de libros.
O Correlingua conta co apoio do Concello da Coruña e desenvolve ao longo do ano diferentes actividades para fomentar o uso da lingua galega entre a poboación máis nova.