A mocidade estrea os seus curtos na edición máis participativa de 'Culleredo, de cine'

ACoruñaXa
A cuarta edición da iniciativa implicou a 85 mozos e mozas na creación, gravación e edición de tres pezas audiovisuais
CULLEREDO premios cine
10 Jun 2026

A cuarta edición de 'Culleredo, de cine' pechou como a máis participativa ata o momento, coa implicación de 85 mozos e mozas no proceso completo de creación, gravación e edición de curtametraxes. A iniciativa culminou coa gala de estrea dos traballos, celebrada no marco de Cullerciencia e coa asistencia de familias, compañeiros e representantes municipais.

Nesta edición presentáronse tres curtos, titulados 'Access denied', 'La culpa' e 'El cruce', elaborados polo alumnado do IES Blanco Amor baixo a coordinación do director Hugh McGinley. As pezas xa poden verse na canle de YouTube do Concello de Culleredo.

O proxecto permitiu ao alumnado participar en todas as fases dunha produción audiovisual, desde a idea inicial e a elaboración do guión ata a interpretación, a produción e o manexo dos equipos técnicos. Ao longo das sesións, os participantes recibiron formación sobre construción de relatos audiovisuais, tipos de plano e recursos narrativos.

O alcalde, José Ramón Rioboo, felicitou os mozos e mozas pola calidade dos traballos e destacou o valor da iniciativa como ferramenta para desenvolver a creatividade e fomentar a iniciativa da mocidade. O rexedor sinalou ademais que esta experiencia pode servir para espertar vocacións vinculadas ao sector audiovisual.

A gala tamén acolleu a entrega dos premios do certame de booktrailers, outra proposta municipal centrada na creación audiovisual a partir de obras literarias. O primeiro premio foi para 'Corredoira', de Sebastián Pinto e Daniel Lois, inspirado na obra de María Reimóndez. O segundo recoñecemento recaeu en 'Memorias dun neno labrego', de César Pastor Barreiro e Mateo Seo Campello, baseado no libro de Xosé Neira Vilas.

0.11921715736389