A mocidade de Culleredo alza a voz contra a violencia machista cunha curtametraxe
A mocidade de Culleredo sumouse á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha curtametraxe protagonizada por alumnas e alumnos do IES Blanco Amor e do IES Rego de Trabe.
A peza, que leva por título 'Basta xa!', foi presentada este xoves na Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, nun acto que contou coa presenza das e dos participantes, a tenente de alcalde Cristina Pardo e a concelleira de Cultura Penélope López. Ambas destacaron o compromiso do estudantado e a relevancia de iniciativas como esta para concienciar sobre a urxencia de erradicar o machismo.
O vídeo, que será estreado oficialmente o próximo luns 25 de novembro, aborda as diferentes formas de machismo que afectan especialmente á xuventude, desde actitudes normalizadas ata comportamentos que adoitan xustificarse baixo o humor. A mensaxe central é clara: a loita contra a violencia machista empeza por non tolerar estas violencias cotiás.
Entre as e os participantes do proxecto están Anxo Negreira Allegue, Noa Vaamonde Cao, Mateo Seo Campello, Adrián Casas Emanyan, Lucas Velo Lema, Inés Miguel López, Manuel Felipe Suárez Gutiérrez, Uxía Costas Trillo, Katarina Carro Piña, Kiara Carballo Álvarez e Uxía Galego Orlando.
Cristina Pardo destacou que esta curtametraxe “é unha ferramenta poderosa de reflexión e aprendizaxe” e animou á veciñanza a apoiar este tipo de proxectos, mentres que Penélope López subliñou que “iniciativas así dan visibilidade a realidades ás que non podemos pechar os ollos”.