A memoria dos lavadoiros abre en Betanzos o percorrido provincial de 'Lavadoiro'

ACoruñaXa
A proposta da Deputación da Coruña conmemora o Día Internacional dos Sitios e Monumentos e o Día Internacional dos Museos cun documental, coloquios e actividades arredor destes espazos vinculados á vida das mulleres
BETANZOS expo lavadoiro
4 May 2026

Betanzos converteuse no punto de partida do ciclo provincial de 'Lavadoiro', unha iniciativa impulsada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para poñer en valor a memoria dos lavadoiros e o seu papel como lugares de traballo doméstico, encontro e socialización feminina.

A programación desenvolveuse ao longo da xornada en diferentes espazos da vila. Pola mañá, o lavadoiro das Cascas acolleu unha visita guiada a cargo de Ángel Arcay, seguida da actividade 'Lavar e cantar: xuntanza interxeracional para reactivar o lavadoiro', conducida por Sara Fraga. Xa pola tarde, presentouse a exposición 'O oficio de lavar: unha cartografía sensible', da man de Xoana Abraira.

O Cine Alfonsetti puxo o peche á primeira parada do ciclo coa proxección do documental 'Lavadoiro', creado pola arquitecta e fotógrafa Ana Amado. Tras o pase, celebrouse un coloquio coa participación da propia directora, no que se abordou o valor patrimonial, social e simbólico destes espazos.

O proxecto propón unha mirada multidisciplinar sobre os lavadoiros, tomando como punto de partida o de Artes, en Corrubedo, construído nos anos corenta e recuperado recentemente como espazo público. Ana Amado desenvolveu a iniciativa xunto cun equipo no que participa o cineasta Lois Patiño, ademais de mulleres e axentes locais vinculados ao uso tradicional destes lugares.

A curtametraxe foi rodada en lavadoiros de Artes e A Penisqueira, en Aguiño, ambos no municipio de Ribeira, e tamén no de San Tomé, no Porto do Son. No filme participan once mulleres que achegan testemuños, lembranzas e vivencias arredor dun patrimonio cotián que forma parte da historia colectiva.

Despois da estrea en Betanzos, o ciclo continuará o seu percorrido por outros concellos da provincia. A seguinte cita será o 12 de maio en Oleiros, no Teatro das Torres de Santa Cruz, ás 19.00 horas. Tamén haberá sesións o 14 de maio en Cee, na Casa da Cultura, ás 11.00 horas; o 15 de maio en Melide, no Museo Terra de Melide, ás 18.30 horas; e o 16 de maio en Noia, na Casa da Cultura, ás 12.00 horas.

0.12400388717651