A memoria das mulleres de Conxo chegará a Coirós co ciclo 'As tolas que non o eran'

ACoruñaXa
Carmen V. Valiña impartirá o 8 de setembro unha sesión no Centro Social para recuperar historias silenciadas e reflexionar sobre a disidencia feminina
COIRÓS as tolas
28 Jun 2026

Coirós será un dos concellos que acolla o ciclo 'As tolas que non o eran', unha iniciativa da Deputación da Coruña centrada na recuperación da memoria das mulleres internas en Conxo e na análise do uso da psiquiatría como ferramenta de control da disidencia feminina.

A sesión celebrarase o 8 de setembro, ás 18.00 horas, no Centro Social, con entrada libre ata completar aforo.

O taller estará impartido pola investigadora e escritora Carmen V. Valiña, autora do libro As tolas que non o eran. A obra recupera as historias de mulleres internadas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936, moitas delas pobres, aldeás, analfabetas ou consideradas rebeldes pola sociedade da época.

A través deste encontro, abrirase un espazo de reflexión sobre a memoria das mulleres e sobre vidas que permaneceron durante décadas ocultas. O ciclo nace a partir do traballo desenvolvido por Valiña nas Residencias Artísticas Mariñán de Pensamento de 2024, polo que recibiu posteriormente o Premio Losada Diéguez de Investigación.

Ademais de Coirós, a programación pasará por A Baña, Mañón, Sobrado, Padrón e Boiro, co obxectivo de achegar ao público unha parte da historia de Galicia pouco coñecida e promover o debate sobre a memoria, a igualdade e os dereitos das mulleres.

0.12479591369629