A mellora de vías rurais en Loureiros e Xora contará cun investimento de preto de 150.000 euros

A Xunta e o Concello de Coirós colaborarán na humanización de espazos públicos nos núcleos rurais de Loureiros e Xora, situados na parroquia de Santa María de Ois, cun investimento total próximo aos 150.000 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, asinaron este xoves en San Caetano o convenio que permitirá levar a cabo unha intervención destinada a mellorar o estado das vías destes dous lugares.
A actuación desenvolverase no marco do Plan Hurbe, o programa da Xunta orientado a apoiar aos concellos galegos na recuperación e mellora de espazos públicos, así como na posta en valor de contornas urbanas e rurais.
O Goberno galego asumirá o 70% do orzamento, cunha achega de 103.666,36 euros, ademais de encargarse da contratación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello de Coirós financiará o 30% restante, é dicir, 44.428,44 euros, e ocuparase posteriormente da conservación e mantemento das actuacións realizadas.
Os traballos previstos inclúen a renovación dos pavimentos das vías, a posta a nivel das tapas con formigón e a limpeza das drenaxes lonxitudinais. O prazo de execución será de catro meses.
Con esta intervención, búscase mellorar a seguridade e a accesibilidade nos núcleos de Loureiros e Xora, ao tempo que se reforza a calidade dos espazos públicos na parroquia de Santa María de Ois.